Friday 29 de March de 2024

O Compostela Trad Fest ofrecerá máis de 12 horas de música tradicional da man de 70 artistas


O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a presentación do Compostela TRADFEST 22, promovido por La Voz de Galicia, que se celebrará o domingo 31 de xullo en varios espazos da cidade. A xornada, que incluirá obradoiros, concertos ou bailes, entre outras actividwades, pecharase cos concertos de Sheila Patricia no parque de Bonaval e de Xisco Feijóo na praza da Quintana, que presentará o seu último disco “Peixe”.

O concelleiro Gonzalo Muíños, acompañado por Jacobo Sutil, director do AGADIC; Vitor Belho, fundador de Nordesía e a artista Sheila Patricia, presentaron as novidades desta cuarta edición do festival, que servirá de colofón ás Festas do Apóstolo desde ano. A música e o baile arrincarán ás 11:00 horas e seguirán ata a madrugada.

O Festival desenvolverase ao longo da xornada do domingo ofrecendo baile e cantos tradicionais, así como as tradicionais ruadas que volverán ambientar Santiag desde o Obradoiro ata San Pedro e da Zona Nova a Bonaval. Desde media mañá ata que caia a noite, máis de sesenta artistas pasarán polos diferentes escenarios deste festival, organizado por espazos en Bonaval en función do tipo de espectáculo: instrumental, voz ou baile. Ademáis ofrecerase unha mostra de artesanía e gastronomía galega e obradoiros de bailes de roda e de Europa para a toda a familia.

No TRADFEST 22 participarán bandas e artistas que, como Xisco Feijóo, Trilitrate ou Sheila Patricia, están a reintepretar a música popular galega para adaptala aos novos tempos e a sons noutrora afastados do folk, como a música electrónica, o jazz, o hardcore ou o dance, entre outros. Ademais, de radiografar o panorama local e rexional, o festival trae de volta este 2022 artistas internacionais de renome e contará coas actuacións do dúo sueco Symbio, do compositor e arpista bretón Frédéric Bougouin, da italiana Maria Mazzotta e dos portugueses Seiva.

O Trad Fest, en palabras de Vitor Belho, de Nordesía, “recupera este ano a esencia do festival” na súa busca de “reposicionar a música tradicional no mundo contemporáneo” a través dunha mostra moi representativa da actual escena ‘tradi’ coas súas diversas expresións.